Dous móbiles, dous amigos e moita imaxinación. Xosé A. Touriñán e David Perdomo non necesitaron nada máis para entreterse e compartir bos momentos cos seus seguidores nunha época de aillamento debido ao confinamento. Era a primavera de 2020, unha primavera que pasamos encerrados nas casas e que os humoristas axudaron a que fose máis levadeira. Coa creatividade de ambos e moitos filtros de Instagram, os dous cómicos improvisaban personaxes e historias en vídeos en directo. A través da rede social, construíron un espazo propio no que os seus seguidores tamén participaban interactuando nas conversas, pedindo que fixeran algúns personaxes…
Agora esta experiencia dá un salto aos escenarios co espectáculo Corentena. Touriñán e Perdomo recuperan o espítito deses encontros virtuais para traelos á presencialidade. Cambian as pantallas polas salas e os filtros por máscaras, pero a imaxinación e as risas seguen a ser as mesmas. O éxito do espectáculo xa se comprobou na xira de presentación en salas, esgotando todas as localidades. Agora, por vez primeira, Corentena realizarase ao vivo para unha gran audiencia.
As entradas para o espectáculo están dispoñibles na web. A función será o xoves 24 de agosto ás 22.00h na Polideportiva de Castelo e o prezo é de 15€. As entradas físicas poden mercarse nas oficinas de Ainé (A Coruña), Q! Impresión (O Burgo) e no Centro Social de Castelo, en Folgueira.