Música, memoria, teatro e moita festa

A segunda xornada tivo a FInita Gay como protagonista, con SÉS e as irmás Darlene Rodríguez gañando a un público que ateigou o novo escenario do Castelo Conta, a Leira de Himerio.

A xornada do martes tivo unha clara protagonista, unha veciña do lugar; eliximos conmemorar a figura de Finita Gay no marco do festival. Mais, coma sempre, tamén atopamos un oco para a representación escénica en directo, pois a música e teatro son identificativos do Castelo Conta.

Na xornada da mañá, os nosos miúdos transformáronse en pequenos agricultores; traballando a terra e cultivando diferentes hortalizas. Da man da veciñanza e da Botica do Agro aprenderon sobre autocultivo, incentivando unha forma de consumo sustentable e tamén divertida!

O comezo da tarde foi destinado a rememorar a extraordinaria Finita Gay, á recuperación do seu papel como muller e como profesional na sociedade daquel entón. Conversamos ao redor da súa figura na que os veciños e a súa famila recordou os seus inicios na música e a súa traxectoria, ata Xurxo Souto arrincou a cantar para pechar a conversa. Finalmente, pechar o acto coa inauguración do mural realizado na súa honra por Mon Devane, que hoxe se pode ver no Centro Social de Castelo.

Coa noitiña, chega a música tamén. Nesta ocasión, estivemos acompañados por Sés, puidendo desfrutar da artista en versión acústica. Así, combatemos a noite coas súas letras á vez que nos adentramos na súa propia revolta musical. A cantora coruñesa tamén lembrou a figura da Martela cunha canción dedicada a súa figura pioneira.

A noite rematou con Hoy puede ser mi gran noche. Darlene e Noemi Rodríguez gañaron axiña a complicidade do público de Castelo co seu espectáculo no que a nostalxia dos anos 90, a música e o humor enchen o escenario no que o talento destas dúas irmás enche todo e contaxia case sen que nos deamos conta. Un gran remate para este martes que deixa con ganas de máis. Por sorte, mañá continúa o Castelo Conta!

 

A Finita da Comisión de Festas
Aviso – Cambios de localización polas condicións climáticas
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.