SÁBADO 29 DE AGOSTO |17:30
Tanto Nos Ten
Música tradicional furtiva: así define Tanto Nos Ten a súa proposta, na que a retranca, o baile e a cultura popular toman o escenario en cada concerto.
Con máis de 15 anos de traxectoria, Tanto Nos Ten é unha das formacións máis recoñecibles da escena tradicional galega. Presentes en numerosos festivais de Galicia e Portugal, o grupo constrúe unha proposta propia arredor do que eles mesmos denominan ‘música tradicional furtiva’: un xeito de entender a música popular desde a creación, o humor e a participación do público.
A formación, composta por Nati de Xinzo (pandeireta, percusións e voz), Alberto Sánchez (acordeón), Adrián Lareo (gaita, clarinete, frauta e voz), Manuel Cruces (gaitas e voz) e Josinho da Teixeira (tamboril, voz e parrafeos), mestura o saber dos instrumentos tradicionais coa forza das súas propias composicións. Gaitas, acordeón, tamboril, pandeiretas, cunchas e percusións conviven nun son festivo e inconfundible que bebe das foliadas, dos cantares populares e da tradición oral.
O seu repertorio combina músicas e letras propias con retrancas, escarnios, pasodobres, muiñeiras, foliadas, rumbas e outros ritmos pensados para cantar e bailar. As súas cancións parten do humor e da ironía para falar tamén da realidade social, das problemáticas do presente e da necesidade de manter viva a cultura galega.
Despois de tres discos (Tanto Nos Ten, Entre Néboas e Cortando Fíos), a banda continúa levando por diante unha proposta na que a música é encontro, diversión e comunidade. Nos seus directos non hai distancia entre escenario e público: cada actuación convértese nunha auténtica foliada, chea de enerxía, parrafeos e ganas de participar.
No Castelo Conta, Tanto Nos Ten traerá a súa festa laranxa ás táboas: unha celebración da música popular galega coa retranca e o espírito colectivo que forman parte da súa identidade.


