XOVES 27 DE AGOSTO |21:30

‘Mulleres que Contan’

Presentado na pasada edición do festival, Mulleres que Contan chega agora á súa estrea. O documental colaborativo recolle o proceso vivido por mulleres de seis territorios rurais galegos arredor dos coidados, a través das súas historias, reflexións e reivindicacións.

Hai dous anos, o Festival Castelo Conta acolleu a estrea de Mulleres de Castelo, un documental que puxo no centro as historias, a memoria e a experiencia das mulleres da nosa parroquia. Aquel proxecto foi tamén o punto de partida dun camiño que chegou ao seu homólogo: o documental Mulleres que Contan, unha iniciativa de cooperación que levou esa mesma mirada a seis territorios rurais de Galicia.

Dirixido por Hadriana Casla, o documental recolle o proceso vivido por mulleres de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa, que durante meses participaron en encontros, conversas e espazos de reflexión arredor dos coidados. A través das súas vivencias, a película constrúe un relato colectivo sobre o traballo invisible que sostén a vida, as desigualdades que aínda persisten e a necesidade de avanzar cara a un sistema de coidados público, universal e de calidade.

A estrea contará coa presenza das propias protagonistas, que compartirán co público este momento tan especial despois dun proceso que deu lugar non só a un documental, senón tamén á creación dunha rede de apoio entre mulleres de diferentes lugares do rural galego e á elaboración dun manifesto colectivo nacido das súa experiencias.

Mulleres que Contan pechará así un percorrido de meses de encontros e servirá tamén como punto de partida para seguir falando de memoria, comunidade e coidados.

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.