Balteira nace en Betanzos a finais de 2025 da man de Cris Sánchez e Noa Migal (voces e percusións), Álex Fente (acordeón) e Pablo Pacior (ventos). Catro músicos procedentes de formacións como Tiruleque, Xose Lois Romero & Aliboria, Comando Curuxás ou Habelas Hainas que xuntan neste proxecto o seu coñecemento da música tradicional galega e a súa paixón polo repertorio de transmisión oral.
A súa proposta parte dos cantares que durante xeracións fixeron bailar e cantar ás xentes, festas e encontros galegos: muiñeiras, maneos, xotas e outras pezas populares que recuperan cunha mirada propia e novos arranxos, mantendo viva a emoción e o espírito colectivo que sempre acompañaron estas músicas.
O nome da agrupación rende homenaxe a María Pérez ‘A Balteira’, soldadeira medieval convertida nun símbolo de liberdade, transgresión e carácter propio. Unha figura que conecta coa filosofía dun proxecto que mira a tradición desde o respecto, pero tamén desde a personalidade e a vontade de facela soar dun xeito propio.
Nos seus directos, os cantares e melodías de baile recuperan toda a súa forza, coa enerxía dunha foliada e a gran experiencia de catro músicos cunha ampla traxectoria na música tradicional galega.
No Castelo Conta, Balteira levará aos Vermús na Taberna ese espírito de foliada no que os cantares populares volven ocupar o centro da festa.

