Na parroquia de Castelo, existiron durante anos dúas escolas. Non era pola cantidade de cativos nas aldeas, senón porque, como acontecía noutros moitos lugares, as nenas e os nenos asistían a aulas separadas. Aqueles espazos, que hoxe xa non se empregan como centros educativos, forman parte da memoria viva da parroquia. Aínda hai veciñas e veciños que os recordan con claridade: desde a disposición das aulas, ata o carácter dos mestres e o xeito no que transcorría o día a día.
A escola das nenas estaba situada na Peneda, nunha casa coñecida como a Casa de Pose. O edificio tiña dúas plantas: na planta baixa vivía unha familia que máis adiante emigraría a Madrid, e que só regresaba ocasionalmente; no andar superior, desenvolvíanse as clases.
As alumnas accedían á aula por unha escaleira exterior. Ao chegar ao alto, o primeiro que atopaban era un mapa de Galicia, co que lles facían aprender as provincias a través dunha canción. A lembranza dese detalle musical quedou gravada na memoria dunha das antigas alumnas, como tamén a distribución do espazo e a relación entre maiores e pequenas: as maiores axudaban ás máis novas, creando unha dinámica de coidado mutuo.
Cando remataban a etapa na escola da parroquia, facían o exame de ingreso e moitas marchaban internas a centros da Coruña, continuando así os seus estudos lonxe da casa.
Un dos recordos máis curiosos é o do almorzo. Aquel leite que recibían cada día, coñecido entre elas como “leite americano”, era simplemente auga fervida con uns polvos brancos que a tornaban semellante ao leite. Preparábase nunha pota de aluminio e era o pequeno sustento co que moitas empezaban a mañá.


