O mércores 27 de agosto, ás 21:30, o Castelo Conta acollerá o avance do documental ‘Ao son da nova regueifa’, unha viaxe audiovisual que percorre o país para retratar o renacer desta arte de improvisación oral, da man das novas xeracións.
‘Ao son da nova regueifa’: o futuro dunha tradición
A regueifa, expresión popular que une música, palabra e improvisación, estivo a piques de desaparecer hai apenas unhas décadas. Hoxe, grazas ao impulso das novas xeracións, vive un tempo de renovación e esplendor. O Castelo Conta 2025 será testemuña deste renacer co avance e presentación do documental ‘Ao son da nova regueifa’, unha produción que nos convida a descubrir as pontes entre a tradición e o presente desta arte oral.
Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, con realización de Jairo Iglesias, o documental percorre Galicia de norte a sur -de Bergantiños a Vigo- na procura das voces que están a transformar a regueifa contemporánea. O resultado é un retrato poliédrico no que tradición e modernidade, rural e urbano, aprendizaxe innata e pedagoxía conviven a través de testemuñas, música e versos improvisados.
A presentación no Castelo Conta incluirá, ademais da proxección, un faladoiro co equipo creativo no que se compartirán experiencias do proceso de rodaxe. Tamén contaremos coa presenza de regueifeiras e regueifeiros, protagonistas do documental, que ofrecerán unha mostra en vivo de improvisación, traendo ao festival a forza e frescura desta tradición.
‘Ao son da nova regueifa’ é, ao mesmo tempo, peza audiovisual e acto de reivindicación cultural: unha homenaxe á improvisación, á palabra viva e ao poder da comunidade. Un encontro festivo e emocionante que nos lembra que a regueifa segue viva, con raíces fondas e ás abertas, disposta a seguir improvisando os camiños do futuro.
