Hai dous anos, o Festival Castelo Conta acolleu a estrea de Mulleres de Castelo, un documental que puxo no centro as historias, a memoria e a experiencia das mulleres da nosa parroquia. Aquel proxecto foi tamén o punto de partida dun camiño que chegou ao seu homólogo: o documental Mulleres que Contan, unha iniciativa de cooperación que levou esa mesma mirada a seis territorios rurais de Galicia.
Dirixido por Hadriana Casla, o documental recolle o proceso vivido por mulleres de Taboada, Vilaño, Triacastela, Baroña, Manzaneda e A Illa de Arousa, que durante meses participaron en encontros, conversas e espazos de reflexión arredor dos coidados. A través das súas vivencias, a película constrúe un relato colectivo sobre o traballo invisible que sostén a vida, as desigualdades que aínda persisten e a necesidade de avanzar cara a un sistema de coidados público, universal e de calidade.
A estrea contará coa presenza das propias protagonistas, que compartirán co público este momento tan especial despois dun proceso que deu lugar non só a un documental, senón tamén á creación dunha rede de apoio entre mulleres de diferentes lugares do rural galego e á elaboración dun manifesto colectivo nacido das súa experiencias.
Mulleres que Contan pechará así un percorrido de meses de encontros e servirá tamén como punto de partida para seguir falando de memoria, comunidade e coidados.


