Ailá nace nas foliadas nocturnas da Casa das Crechas de Santiago de Compostela, un espazo de encontro no que catro músicos comezaron a compartir a súa paixón pola música tradicional galega. Desde aí construíron un proxecto que parte das recollidas populares e do saber transmitido de xeración en xeración para levalo a un son propio, aberto, e cun pé no presente e outro no pasado.
A banda define a súa proposta como tradi, un universo no que as melodías tradicionais conviven con novos arranxos, diferentes recursos musicais e influencias doutras culturas. Con Ángela Carou, Manuela Fraguela, Manuele Pardo e Xan Pampín, Ailá recupera cantares, ritmos e formas de entender a música popular para devolvelos ao presente cunha mirada fresca e chea de personalidade.
A súa música conserva a esencia das alboradas, dos pasarrúas e das foliadas: o lugar onde cantar, bailar e compartir forman parte da mesma experiencia. Entre gaitas, acordeóns, percusións, zanfonas e voces, Ailá constrúe un son que nos traslada directamente a eses espazos de encontro popular, creando un ambiente no que a música se vive de maneira colectiva.
Co seu disco Ailá e traballos posteriores como Sansolimón, a formación consolidouse chegando tamén a escenarios internacionais como o Festival Interceltique de Lorient ou Celtic Connections.
No Castelo Conta, Ailá traerá ao serán no Xalo unha festa de música e comunidade na que o público poderá quentar motores para a posterior foliada.


