MARTES 25 DE AGOSTO|23:00
9Louro
A naturalidade e a honestidade dunha das voces máis prometedoras da nova escena urbana galega, capaz de conectar cunha xeración enteira a través das súas cancións.
Martín Louro, artisticamente coñecido como 9Louro, converteuse nun dos nomes con maior proxección da nova música urbana galega. Con só vinte e un anos, o artista muradán consolidou unha proposta persoal que mestura pop, trap, reguetón, funk brasileiro e outros ritmos actuais, sempre cunha maneira de escribir directa e sen artificios.
Tras o seu debut no Castelo Conta o pasado verán, nos Vermús na Taberna, regresa ao festival nun momento especialmente significativo da súa carreira. Durante este último ano, a súa música foi gañando unha enorme acollida entre o público máis novo, converténdoo nunha das referencias emerxentes da escena galega actual.
Despois do lanzamento do seu primeiro traballo, Nove Noves (2024), 9Louro presentou este ano Amorrer, un disco no que amplía aínda máis o seu universo sonoro. “Quería que fose como Nove Noves, con ritmos diferentes, pero multiplicado por tres”, explicaba recentemente.
As súas cancións nacen da experiencia persoal. El mesmo afirma que, nelas, non ten filtro: fala do que vive e di todo o que sinte. Esa honestidade atravesa toda a súa música e é, probablemente, unha das razóns polas que conecta con tanta forza cunha nova xeración que se recoñece nas súas historias, nas súas dúbidas e na súa forma de contar o cotián.
No Castelo Conta volverá subir ás táboas, desta volta no serán do martes en Vilaverde, para compartir un directo no que a proximidade, a emoción e a enerxía conviven cun son que continúa medrando e sorprendendo en cada novo lanzamento.

