SÁBADO 29 DE AGOSTO |14:30

Skadelos

Desde O Carballiño chega Skadelos, unha banda que converte a enerxía das xuntanzas populares en cancións de ska, rock e festa para cantar a pleno pulmón.

Taberna

Skadelos nace no Carballiño en 2019 cunha idea clara: facer música para compartir, bailar e cantar xuntos. O proxecto comezou como unha pequena formación acústica nas xuntanzas populares, pero foi medrando ata converterse nunha banda de seis músicos cun son máis potente, incorporando guitarras eléctricas, baixo, batería e sección de ventos.

A súa música bebe da enerxía do ska, do rock e dos ritmos máis festivos, cunha forma de entender as cancións moi ligada ao directo. Entre melodías pegadizas e letras próximas, Skadelos fala da vida cotiá, da mocidade, da identidade galega e das inquedanzas sociais, sempre desde unha perspectiva alegre e participativa.

Temas como Un Vidón, Marcho De Festi ou Estarei amosan esa personalidade dunha banda que entende a música como un punto de encontro: cancións para cantar a pleno pulmón, saltar e crear comunidade diante dun escenario.

Tras gañar o certame de música emerxente Onda Chicha e levar o seu directo por diferentes escenarios galegos, Skadelos continúa consolidando unha proposta chea de enerxía, retranca e ganas de festa.

No Castelo Conta chegarán co seu formato máis eléctrico para traer un concerto de cancións compartidas, ritmos bailables e ese espírito de celebración que define a súa maneira de entender a música.

 

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.