XOVES 27 DE AGOSTO |23:00
De Ninghures
Unha viaxe musical na que a tradición se mestura con ritmos de todo o mundo para revolucionar o torreiro cunha auténtica feira.
Eles defínense como un grupo de chavales dos 90 que medraron escoitando moitas cancións de infinitos estilos musicais. De Ninghures é unha banda que naceu en 2019 e que constrúe a súa identidade a partir da mestura. Os seus sete integrantes achegan influencias e percorridos diferentes para crear unha proposta na que as melodías tradicionais conviven con sons doutras latitudes, desde ritmos latinoamericanos ata ecos das músicas africanas, balcánicas ou influencias do rock de raíz.
A banda parte do coñecemento da tradición e do repertorio popular para transformalos desde unha mirada propia. As súas cancións combinan instrumentos como gaitas, acordeón, violíns, pandeireta, clarinetes ou cordas con novos arranxos e sonoridades, cuxo resultado é un universo cun son propio e facilmente recoñecible, no que o multiinstrumentalismo e a enerxía do grupo crean unha experiencia pensada para escoitar, bailar e compartir.
Despois do seu primeiro traballo, Aquí (2022), De Ninghures presentou Feira (2025), un disco no que levan máis alá esa idea de encontro entre músicas e culturas. O propio nome do álbum resume a súa maneira de entender a música: un espazo de reunión, intercambio e festa, no que caben diferentes sons, historias e persoas.
Nos últimos meses, a banda consolidou a súa presenza na escena musical galega a través dun repertorio cada vez máis recoñecible e de numerosas colaboracións con outros artistas.
De Ninghures xa pasou polo Castelo Conta no ano 2019 e volverá facelo este verán para converter o torreiro nunha auténtica feira.

