Non hai mellor maneira de celebrar a reapertura da taberna do Castelo Conta que poñendo banda sonora ao espírito que sostén este festival desde hai unha década. Este venres, Casa Rodríguez, que abrirá todo o mes de agosto como punto de encontro veciñal con programación cultural e gastronómica, inagurouse coa estrea dunha canción inédita de Sés, creada especialmente para o festival. Un xeito simbólico de dar comezo ao Castelo Conta a través da música, da palabra e da emoción compartida. Porque non hai mellor maneira de celebrar dez anos que poñendo banda sonora ao que somos.
Sés estrea unha canción inédita dedicada a Castelo
A canción, da que tamén se presenta este videoclip, gravado integramente en distintos recunchos da parroquia, é unha declaración de amor á identidade do lugar e á forza da comunidade que fai posible o Castelo Conta. Cunha letra que fala de pertenza, memoria e resistencia, e co selo musical inconfundible de Sés, esta nova composición nace con vocación de quedar, e para converterse no himno do festival.
Sés é parte da historia do Castelo Conta. Ten actuado en varias edicións e sempre volve co mesmo agarimo. Por iso, non hai voz máis axeitada para darlle forma a esta canción que celebra o que somos e o que construímos xuntas e xuntos. Un inicio perfecto para unha décima edición que tamén quere soar distinta.