Fai o teu · Obradoiro con Noemi Rodríguez

LUNS 21 - VENRES 25
9:30 a 13:30
Tabeaio
240€

Noemi Rodríguez ensinará as ferramentas necesarias para que as ideas cheguen aos escenarios.

Sobre os escenarios, Noemi Rodríguez é coñecida por dirixir obras como Man Up, La distancia ou Blast, todas elas producidas polo Centro Dramático Nacional. O pasado ano, fixo rir a todo Castelo, xunto a Darlene Rodríguez, con Hoy puede ser mi gran noche.

Desta volta, Noemi volve ao Castelo Conta para ofrecer un curso de creación que, ao longo de cinco días, permitirá aos participantes somerxerse no mundo do teatro. Con este obradoiro, a actriz e directora dará chaves para poñer en escena as ideas das e dos participantes.

Neste obradoiro, viviremos un proceso de creación exprés, traballando cos materiais que conmovan e obsesionen profundamente aos participantes. Cando falamos de materiais referímonos aos temas, preguntas, imaxes, lembranzas, conceptos, historias, referentes, etc. que inspiran e provocan tanto a nosa imaxinación como a nosa vitalidade creadora.

Nun contexto de colaboración e xogo, poremos a disposición dos artistas unha serie de disparadores temáticos e ferramentas de composición escénica, que facilitarán a posta en pé daquilo que está pedindo nacer dentro nosa.

Nas sesións exploraremos distintos xéneros e formatos que retarán e ordenarán as nosas ideas iniciais. Indagaremos nas marxes entre disciplinas, entre realidade e ficción, entre personaxe e actor, entre cine e teatro.

Nestes cinco días desenvolveremos pezas breves que darán luz e forma aos nosos soños creativos e que nos servirán de pequenas fogueiras dun lume maior: o do noso universo creativo e afán creador.

OBXECTIVOS

  • Revitalizar o noso desexo creador.
  • Posta en práctica de ferramentas de composición escénica e dramatúrxica nunha peza propia.
  • Exploración de técnicas interpretativas e creativas que non están arraigadas ao texto.
  • Exploración do universo e da poética escénica de cada un dos participantes.
  • Observación e posta en relación tanto dos distintos materiais creativos, así como de todo aquilo que opera na posta en escena: ritmo, espazo, emoción, forma, palabra e movemento.
  • Que o alumno sexa capaz de vincular o seu traballo co seu contexto, a través da observación precisa da contorna.
  • Desenvolver a capacidade de xogo, imaxinación e intuición artística.

Para a realización desta actividade contamos coa colaboración do Concello de Carral.

X