Xente miúda do Castelo Conta é a programación do festival pensada para as cativas e cativos. O obxectivo transversal de todas as actividades previstas ao longo da semana é o de que as e os miúdos aprendan da importancia da oralidade e a súa conservación, das diferentes linguaxes da comedia, e das diferentes formas de gozar dunha festa para todas e todos. Tamén explorarán e coñecerán os elementos de flora e fauna da contorna e o seu valor.
O equipo de Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais encargarase, xunto con voluntarios da asociación Castelo Deporte, do seguemento das diferentes actividades, e da acollida das nenas e nenos participantes.
Ao longo da semana as e os participantes desenvolverán as seguintes actividades:
Gozamos cos xogos tradicionais, con Dinamo
O equipo de Dinamo aprenderá ás nenas e nenos a gozar coa súa ampla colección de xogos tradicionais, nunha actividade que se desenvolverá en diferentes momentos da semana.
Camiñamos polo Monte Xalo, co Trasno Agapito
Os monitores contarán ás rapazas e rapaces os diferentes elementos da flora e da fauna do Monte Xalo, nunha pequena andaina polas sendas e camiños próximos á parroquia de Castelo na que atoparán ao Trasno Agapito.
Aprendemos dos monicreques, con Micromina Teatro
A compañía mindoniense estará no Castelo Conta cun interesante obradoiro sobre monicreques. Á mañá contarán ás e aos participantes na actividade sobre o traballo que desenvolven, e á tarde poderán gozar do seu espectáculo.
Cociñamos co chef Alberte Gutiérrez
O cociñeiro vigués Alberte Gutiérrez aprenderá ás pequenas e pequenos a cociñar nun interesante obradoiro con algunhas receitas que poderán levar para a casa e así seguir experimentando.
Decoramos Castelo para a festa, coa directora de arte Noela Gutiérrez
O venres é día de festa en Castelo, e que mellor que sexan as cativas e cativos os encargados de botar unha man na decoración das diferentes zonas nas que tanto o venres coma o sábado visitarán milleiros de persoas.
Todos os días, Deleite e Panadería Da Cunha ofrecerá un almorzo ás e aos participantes.
As prazas están esgotadas desde o domingo 11 de agosto.