Os Contos de Castelo son xuntanzas das e dos maiores da parroquia nas tardes do Castelo Conta. Teñen por obxectivo poñer en común sabedoría e lembranzas, pero tamén facer posible un momento de encontro polas festas, só para falar.
Tone Martínez, da compañía Galeatro, é o encargado de conducir as conversas, que cada día tratan dun tema diferente e se desenvolven nun lugar distinto. Ademais, en ocasións algúns convidados, expertos en diferentes materias, únense ás conversas para achegar o seu coñecemento e enriquecer as reunións.
- O martes 20, na Aldea de Arriba, en Vilaverde, falarase das festas, coa presenza de Sito Sedes.
- O mércores 21, no Campo da Capela, en Folgueira, falarase da infancia.
- O xoves 22, na eira de Santiago, en Xian, falarase da música tradicional.
- O venres 23 os veciños e veciñas de Castelo xuntaranse no alpendre de José María, en Xalo, para ver algunhas fotos antigas e comentalas xuntos.
Cada día publicarase na web do Castelo Conta o podcast destes encontros.