Hai xa case dez anos as veciñas e veciños de Castelo, en Culleredo, démoslle a volta ás nosas festas. Despois de recibir en varias ocasións ás orquestras máis importantes, de organizar as mellores churrascadas, e de reunir ao pé do Xalo a varios miles de persoas en noites imposibles de esquecer, era o momento de cambiar.
De pensar se tiña sentido, e se era sostible, un modelo no que cando a música deixaba de soar, e cando pasaban os días, só quedaba o lixo no campo e alivio ao librar da chuvia. No que unha boa festa se medía polo número de copas que eramos quen de poñer nunha soa noite e a orquestra que prometiamos para o ano seguinte.
Despois de varios anos de transición, e dun traballo no que a única liña vermella era o respecto á opinión da maioría das veciñas e veciños, conseguimos darlle a volta á festa.
Naceu o Castelo Conta, a que hoxe é a iniciativa cultural máis relevante no rural de Galicia. E naceu esta asociación, que pensa na festa, pero tamén pensa na xente, no lugar que habitamos, no idioma que falamos, e en todas as cousas que podemos chegar a facer desde o rural.


