O Castelo Conta bota a andar a súa VIII edición

Teatro, música, contos, comedia… comeza a conta atrás para a VIII edición do Castelo Conta. Do 21 ao 27 de agosto, a parroquia de Castelo contará cunha chea de actividades e espectáculos para todos os públicos. Así o anunciou o director do festival, Xosé A. Touriñán, quen deu a coñecer a programación desta edición.

De luns a venres, as mañás son para a Xente Miúda con obradoiros, xogos, teatro, música e actividades orientadas a fortalecer o coñecemento e respecto pola natureza. Ademais, máis cativos e cativas tamén poderá gozar de As minas do rei Salomón, de Teatro Ghazafelhos, e do concerto de A Gramola Gominola. Na xornada do venres, os miúdos tamén poderán ver un avance de Bechos, a nova serie de animación para primeiros espectadores da Televisión de Galicia.

As tardes serán para falar, os Contos de Castelo cambian de formato e convértense nun programa de radio no que os grandes comunicadores do país concersarán coa veciñanza de Castelo para achegarnos as súas lembranzas, historias e saberes. Xirando arredor de temáticas como a música, a infancia ou a emigración, os novos Contos de Castelo contarán tamén con convidados especiais.

A música non podía faltar, Xabier Díaz, Susana Seivane, Belém Tajes, Familia Caamagno, Combo Viramundo, Muchachito One Man Band e Lamatumbá poñeranlle ritmo a unha semana de celebración na que Russ será a DJ residente do festival. Espectáculos como Corentena, con Xosé A. Touriñán e David Perdomo, os contos de Celso Sanmartín, ou a estrea da curtametraxe Nena completan a programación. 

O sábado é o Día Grande do Castelo Conta, con actividades toda a xornada. Tras un xantar popular, os asistentes podrán participar na andaina que este ano subirá ao Monte Xalo, amenizada por gaiteros e unha charanga. Unha vez no Petón, con toda a comarca á vista, podemoremos desfrutar coa música de Abraham Cupeiro. A noite será a quenda do humor coa Noite de Monólgos, conducida por Touriñán. Este espectáculo contará coa participación de Pepo Suevos, David Amor, Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo, Noemi Rodríguez e Rober Bodegas. A festa continuará coa actuación do grupo de versións Salamandra Rock e pechará a noite DJ Mínimo. 

Remata a festa o domingo coa sesión vermú, que contará cos ritmos cubanos de Son Boleros e logo veciños e visitantes compartirán o almorzo da romaría.

As aldeas e camiños de Castelo serán festa, cultura e tradición. Coa axuda de todas as veciñas e veciños, o Castelo Conta medra ano tras ano, poñendo sobre a mesa a importancia do respecto polo noso, o coidado do monte e un modelo de festival sostible e respectuoso coa contorna que que vivimos.

X