O Castelo Conta reactiva a venda de entradas para o espectáculo de monólogos, e abre a venda de bonos para xantar e andaina

  • Castelo Conta
  • Entradas
  • O Castelo Conta reactiva a venda de entradas para o espectáculo de monólogos, e abre a venda de bonos para xantar e andaina

A organización do festival habilita desde este venres a posibilidade de mercar entradas só para o xantar e a andaina, a un prezo de 20 euros, para así deixar liberadas localidades para o espectáculo de monólogos da noite e poder reactivar a venda do bono de cea e espectáculo. Todas aquelas persoas que antes do 15 de agosto mercaran bonos completos e desexaran asistir só ás actividades do día ou da noite terán a posibilidade de solicitar a devolución.

Logo de que esta semana o Castelo Conta esgotara todas as entradas para o espectáculo de monólogos do sábado 24 á noite, e das suxerencias recibidas de moitos participantes interesados en asistir só ás actividades do día, a organización do festival decidiu abrir unha nova modalidade de venda de entradas, cun prezo de 20 euros, só para as actividades do día (xantar e andaina). Deste xeito, e ao quedar liberadas butacas para o espectáculo da noite, reactivarase á venda para os interesados en asistir só á cea e ao espectáculo.

Resolvemos as principais dúbidas e explicamos como queda a venda de entradas…

Que tipo de entradas podo mercar para o Castelo Conta?

Para as actividades do sábado están dispoñibles tres tipos de entradas:

  • Un bono completo, que inclúe xantar (fideuá, empanada e postre), andaina polas aldeas de Castelo (con camiseta, sombreiro, mochila, tres bebidas e seguro de accidentes), cea (churrascada) e localidade numerada para o espectáculo de monólogos, cun prezo de 40 euros.
  • Un bono para as actividades do día, que inclúe xantar (fideuá, empanada e postre) e andaina polas aldeas de Castelo (con camiseta, sombreiro, mochila, tres bebidas e seguro de accidentes), cun prezo de 20 euros.
  • Un bono para as actividades da noite, que inclúe cea (churrascada) e localidade numerada para o espectáculo de monólogos, cun prezo de 20 euros

Onde podo mercar estas entradas?

Todas as entradas están dispoñibles a través de Ataquilla.com desde este venres ao longo da mañá, e en tres puntos de venda: Ainé Producións (en Matogrande, A Coruña), QImpresión (no Burgo), e no Centro Social de Castelo.

Merquei un bono completo e quero ir só ao xantar e á andaina…

Xa que ata agora non existía a posibilidade de asistir só ao xantar e á andaina, podes solicitar a devolución dos 20 euros correspondentes á entrada da noite se fixeches a túa compra antes do 15 de agosto:

  • Se mercaches a entrada nun punto de venda físico só tes que achegarte de novo e entregala…
  • Se mercaches a entrada a través de Ataquilla.com só tes que enviarnos un correo electrónico a devolucions@casteloconta.gal ou chamarnos por teléfono ao 881 942 986, solicitaremos a Ataquilla.com a devolución completa da túa entrada, e poderás adquirila de novo na modalidade de xantar e andaina.

Podo mercar entradas soltas para algunha das actividades?

Só para a churrascada da noite, a un prezo de 8 euros, e non é preciso facelo con antelación. As entradas individuais para espectáculo de monólogos (sen cea) están esgotadas, e nin ao xantar nin á andaina é posible asistir de xeito independente.

A organización do Castelo Conta achega as súas desculpas polas molestias. Ao contrario que na edición anterior detectamos o numeroso público interesado en asistir só ou ás actividades do día ou ás da noite, polo que entendendo as razóns decidimos dar esta posibilidade.

Outras noticias