O Castelo Conta comprométese cos ‘Venres de Talentos’ da Fundación Khanimambo

O Castelo Conta incorpora nesta edición un novo compromiso: o de ser un festival socialmente responsable, aberto, e tamén acolledor. Queremos abrir o camiño da cooperación, o do deseño dun mundo máis xusto.

A Fundación Khanimambo é unha organización non gobernamental que ten como obxectivo contribuir á mellora da situación de 350 nenas e nenos de Praia de Xai-Xai, en Mozambique, a través dun apoio integral que inclúe proxectos en educación, nutrición e saúde.

Dentro do Programa de Educación da fundación levan a cabo o proxecto Venres de Talentos, no que ofrecen aos seus afillados a oportunidade de participar en cursos de teatro, danza, karate, capoeira, deseño, costura, música e literatura.

O obxectivo principal é o de axudar a cada rapaza e rapaz a descubrir o seu talento para mellorar as súas habilidades. Un enfoque máis alá da educación formal que diferencia a Khanimambo de calquera outra centro da zona.

A través dos Talentos conseguen transmitir valores importantes como a cultura do esforzo, a solidariedade, o traballo en equipo, a creatividade ou a empatía, e fomentan a expresión corporal como un pdoeroso medio para transmitir emocións e como unha forma de obter autocontrol e seguridade en si mesmo.

O Castelo Conta, que desde os seus comezos apostou polo talento e quixo fomentalo desde os seus escenarios, non podía atopar unha causa mellor á que apoiar. É por iso que nesta edición ofrece aos seus asistentes a posibilidade de achegar a cantidade simbólica de 2 € para financiar o programa Venres de Talentos, que ten un custe anual de 3000 €.

A través de Ataquilla.com é posible realizar a doazón, que tamén pode facerse efectiva nos puntos de venda de entradas (QImpresión! -O Burgo-, Centro Social de Castelo e Ainé Producións -A Coruña-).

Na web da Fundación Khanimambo é posible atopar moita máis información sobre a actividade da entidade.

Outras noticias