Xente miúda do Castelo Conta

Xente miúda do Castelo Conta é a programación do festival pensada para as cativas e cativos. O obxectivo transversal de todas as actividades previstas ao longo da semana é o de que as e os miúdos aprendan da importancia da oralidade e a súa conservación, das diferentes linguaxes da comedia, e das diferentes formas de gozar dunha festa para todas e todos. Tamén explorarán e coñecerán os elementos de flora e fauna da contorna e o seu valor.

O equipo de Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais encargarase, xunto con voluntarios da asociación Castelo Deporte, do seguemento das diferentes actividades, e da acollida das nenas e nenos participantes.

Ao longo da semana as e os participantes desenvolverán as seguintes actividades:

Gozamos cos xogos tradicionais, con Dinamo
O equipo de Dinamo aprenderá ás nenas e nenos a gozar coa súa ampla colección de xogos tradicionais, nunha actividade que se desenvolverá en diferentes momentos da semana.

Camiñamos polo Monte Xalo, co Trasno Agapito
Os monitores contarán ás rapazas e rapaces os diferentes elementos da flora e da fauna do Monte Xalo, nunha pequena andaina polas sendas e camiños próximos á parroquia de Castelo na que atoparán ao Trasno Agapito.

Facemos unha peli, con Porco Bravú
O colectivo audiovisual Porco Bravú será o encargado de impartir un obradoiro que permitirá ás cativas e cativos facer unha curtametraxe cómica, sendo as actrices e actores protagonistas da mesma. O resultado proxectarase o venres na sesión vermú do Castelo Conta, e o sábado no espectáculo de monólogos que pechará a programación do festival.

Aprendemos dos monicreques, con Micromina Teatro
A compañía mindoniense estará no Castelo Conta cun interesante obradoiro sobre monicreques. Á mañá contarán ás e aos participantes na actividade sobre o traballo que desenvolven, e á tarde poderán gozar do seu espectáculo.

Cociñamos co chef Alberte Gutiérrez
O cociñeiro vigués Alberte Gutiérrez aprenderá ás pequenas e pequenos a cociñar nun interesante obradoiro con algunhas receitas que poderán levar para a casa e así seguir experimentando.

Decoramos Castelo para a festa, coa directora de arte Noela Gutiérrez
O venres é día de festa en Castelo, e que mellor que sexan as cativas e cativos os encargados de botar unha man na decoración das diferentes zonas nas que tanto o venres coma o sábado visitarán milleiros de persoas.

Todos os días, Deleite e Panadería Da Cunha ofrecerá un almorzo ás e aos participantes.

As prazas están esgotadas desde o domingo 11 de agosto.

Máis Info
LUGAR Polideportiva de Castelo (Culleredo)
IDADES 5 a 12 anos
HORARIO Do luns 19 ao venres 23 de agosto, de 10.00 a 14.00 horas
SERVIZOS Almorzo todas as mañás, presenza dun monitor por cada cinco nenos/as.
PREZO 50 euros (prezo para toda a semana), de balde para os nenos/as de Castelo.
INSCRICIÓNS PRAZAS ESGOTADAS
MÁIS INFORMACIÓN Por e-mail en ola@casteloconta.gal, ou por teléfono: 881 942 986.