Cousas interesantes para os que repiten no Castelo Conta

O 26 de agosto de 2017 era sábado. Non se paraba coa calor! Os sombreros de palla de Deleite foron o gran acerto dunha tarde que comezaba ao redor das cinco da tarde diante de Casa Rodríguez. Era a hora á que saía a andaina do primeiro Castelo Conta itinerante. A hora á que case cincocentas persoas saían para percorrer as aldeas de Castelo.

A tarde foi marabillosa en todos os sentidos, e a noite, unha desas noites imposibles en Castelo, de manga curta no medio do monte, non quedou atrás.

Pero por suposto, de todo se aprende. Sobre todo das primeiras veces! E o noso no 2017, aínda que levamos moitos anos facendo festas, foi unha primeira vez.

Este artigo vai dirixido aos que estivestes o ano pasado no Castelo Conta e repetides no 2018, para que saibades o que cambiaremos… e o que non!

A andaina amplía o seu horario

Unha das grandes limitacións da andaina do 2017 foron as presas. Comezando ao redor das cinco e tendo que chegar para a cea e o espectáculo non había demasiado tempo para permitirnos que as contadas de Cándido e Evaristo foran algo máis longas. Tampouco para facer máis paradas ou para liarnos demasiado nos avituallamentos.

Por iso este ano cambiamos de plan! Gustou tanto a andaina que quixemos darlle máis protagonismo. Comezala antes do xantar, co recibimento que os participantes merecen. Unha benvida por parte de Touriñán e compañía, e despois de coller forzas, a camiñar! Teremos toda a tarde para percorrer Castelo sen tantas presas, para gozar coas contadas de Quico e de Celso.

Novos espazos para a noite

Aínda que ao final todo o mundo tivo a súa cadeira para gozar co espectáculo de monólogos, a polideportiva de Castelo quedou algo pequena para acoller aos 1500 que vos xuntastes para cear e escoitar a Touriñán, David Amor, Marcos, Pepo, Fede, Carmen Méndez e Oswaldo.

Este ano a polideportiva acollerá a cea, e só a cea. Será unha churrascada, sen cadeiras, para que nada máis rematar quen queira poida ir baixando ao recinto do Castelo Conta: unha carpa de 3000 metros cadrados no campo da festa, que o pasado ano funcionaba como aparcadoiro.

As entradas, numeradas

Unha garantía de que quen queira ter o mellor sitio non ten máis que mercar a entrada con tempo! No recinto do espectáculo as localidades estarán numeradas. Haberá moitos voluntarios para axudar aos asistentes a localizar o seu sitio.

Sen pementos da Arnoia!

A nosa amiga Puri intentouno ata o último momento, pero non foi un bo ano para os pementos da Arnoia… Por iso nesta ocasión o menú do xantar do Castelo Conta constará unicamente de polo á brasa e mexillóns da Arousa. Pero os pementos volverán outro ano!

Outras noticias